Maite e Carlota seguen na súa teima de asoballar a Nusko. E o pobriño déixase! Mami estivo mediando entre elas e o can pero non houbo xeito: pobriño as que tal lle fan! O avó ten medo a que as morda, pois pásanse. Tamén estiveron na casa de Rocha, as madriñas de Maite, é esa coas flores vermellas nas que sae mami con elas.
Un de Comoxo
Fotolog familiar
21.5.12
En plan agrorural
O que tal levo eu desfrutado co tractor que agora descubren miñas irmás! Este domingo non facía moi bo pero na horta dos avós é abrigado e ao sol estase ben, así que fomos alí a pasar o día. E xa vedes o ben que o pasaron Carla e Maite. E eu tamén! Xa probei os nísperos desta tempada! Seguen encantándome.
16.5.12
Xa teño feita a primeira comunión
Ala, xa pasou o día. Saíu todo ben. Foi unha cousa sinxela, íamos todos disfrazados como cada un puido e houbo regalos, comida -churrasco, mmhhh- e xogos despois cos meus amigos. Non foi para tanto! Agora vos vou poñer o que quedou do polbo de globos que me regalaron no restaurante. Comérono as irmás!
Un domingo na praia de Testal
Ao día seguinte da primeira comunión fun a unha praia que tiña ganas de coñecer: a de Testal en Noia. Papi dixera que había charquiños e dunas, e si! Ata collín unha plancha de porespan para navegar nunha das charcas, e fun ata o castro de Taramancos que está enriba da praia. Construín presas para miñas irmás no regato que pasaba por alí e pasámolo bomba. Facía 26 graos e na Mariña estabamos a 14, cunha néboa impresionante. Foi un domingo espectacular. As nenas chamuscáronse un pouco e levaron as pernas todas aqueladas de andar facendo as brutas polas cunchas (nunca vin tantas cunchas de berberechos como aquí).
Canto credes que durou este polbiño de globos?
Cando cheguei da primeira comunión saqueillo porque xa lle morderan un ollo (cun globo blanco) e llo explotaran. Pero ao día seguinte, como vía que se comezaba a desinflar decidín darllo para que acabaran con el. Non lles durou nin dez minutos! Carlotiña e Maitiña son terroríficas!
Un costume que tiña mami e que colleu Carlota
Mami contoume que de pequena poñíase a collerlle -e cheirarlle- os pés a meus avós cando estaban tumbados. E mirade quen fai o mesmo! A que máis se asemella a mami de pequena!
6.5.12
Unha voltiña por Ikea e por Decathlon para equiparme
Antes da proba final tiña que pillar unhas mallas para correr, e de paso un polar e unha bufanda, que os perdín non sei onde. Xa que fomos a Oviedo aproveitamos para dar a volta habitual por Ikea, pois é un sitio moi axeitado para cambiar ás nenas e que xoguen por alí. Como cando eu era pequeno, pásano bárbaro no carrito, aínda que desta volta berraron un montón, eramos o escándalo do lugar. Logo mami fíxonos unha moi gorda: foi mercar a Primark dicindo que viña de contado e tardou case unha hora, non sin pasar antes por H&M, por suposto. Vaia cara!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)




























































